2 may 2010

(GAL.) Nace a condena a 50 anos

O Congreso dos Deputados aprobou hoxe, dentro do proxecto de nova reforma do Código Penal, a implantación da «liberdade vixiada», unha figura coa que pretenden impoñer ata 10 anos de control e seguimento sobre os presos políticos unha vez cumpran a súa condena e sexan postos en liberdade. Unha medida que se traduce, polo tanto, nunha pena de cinco décadas; catro entre reixas e unha máis «baixo vixilancia».

A razón esgrimida para xustificar a aplicación da «liberdade vixiada» é que o seu sistema penitenciario non cumpre a función de «reinserción», polo que «ven necesario» adoptar este tipo de medidas. Cabe destacar que, malia que os presos políticos son o principal obxectivo desta reforma, tamén se prevé implantar estas medidas contra os condenados por delitos sexuais. O criterio que rexerá a toma de decisións dependerá do «arrepentimento» dos prisioneiros e supón, de facto, estar sometido de por vida a control xudicial.

O repertorio de medidas que impón a «liberdade vixiada», que serán impostas polo maxistrado cando dite a súa sentenza vai dende a prohibición de residir en determinados lugares á obriga de comparecer periodicamente ante o xuíz. A prohibición de abandonar a súa residencia sen permiso do xuíz e o labor de seguir tratamento médico externo e de participar en cursos laborais ou formativos son outras das imposicións que compoñen o listado.

A Reforma do Código impide tamén aos ex-presos «acudir e aproximarse a lugares ou establecementos determinados» e achegarse ou comunicarse con «vítimas», achegados destas ou outras persoas que determine o maxistrado. Ademais elimina a posibilidade de que os delitos por “terrorismo” prescriban.

O PP esixía, ademais, a incorporación ao novo Código da figura da “Cadea Perpetua Revisábel”. Porén, a condena de por vida é xa unha realidade dentro dos diferentes Colectivos de Presos Políticos tras a reforma do Código Penal de 2003 -que elevou o cumprimento de penas a 40 anos- e o cambio do sistema de cómputo das redencións penitenciarias mediante a “Doutrina Parot” do Tribunal Supremo.
A reforma foi aprobada cos votos de PSOE, CiU e ERC, e contou coa abstención do PP, IU-ICV, BNG e o resto do Grupo Mixto, e o voto contrario do PNV e NaBai. A partir de agora remitirase ao Senado para continuar a súa tramitación parlamentaria.

_____________________________
Información elaborada a partir de artigos aparecidos en GARA.

http://comitesolidariedade.blogaliza.org/2010/04/29/nova-reforma-do-codi...

No hay comentarios:

Publicar un comentario